Apoio aos catro do L

“Entre tod@s Galiza Nova” quere expresar o seu apoio e a súa disposición á colaboración con @s compañeir@s encausad@s por correxir unha ilegalidade toponímica dunha institución pública na cidade da Coruña.
A este respecto, consideramos  que a desproporción entre o feito xulgado e a petición da Fiscalía denota unha intencionalidade política que cumpre enmarcar na ofensiva contra o galego instigada polo Partido Popular de Feijoo, coa colaboración  do PSOE Coruñes.

A concentración será na Audiencia Provincial da Coruña, día 16 de Novembro as 9:30 (AM).

Comunicado de “Entre tod@s, Galiza Nova”

No meu nome e no de ‘Entre tod@s, Galiza Nova’ agradezo o apoio recebido esta fin de semana na XI Asemblea Nacional de Galiza Nova e reitero os nosos compromisos de pular por unha Galiza Nova ao servizo da mocidade galega, aberta, plural, operativa e combativa.

Desde ‘Entre tod@s, Galiza Nova’ agardamos así mesmo que a maioría actual de Galiza Nova, a Alternativa Xuvenil Pola Unidade, cumpra os desexos expresados onte e leve adiante unha lideranza integradora e activa que revitalice a nosa organización, dada a necesidade urxente que ten a mocidade galega de dispór de intrumentos políticos activos contra a ofensiva reaccionaria e españolista do Partido Popular na Xunta.

Adiante con Galiza Nova! Viva Galiza ceibe!

Inhigo J. Ansotegi Soares.

Entrevista a Inhigo Ansotegi

Esta fin de semana celebrarase a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova, en Compostela. Entrevistamos ao candidato da Plataforma Entre tod@s, Galiza Nova, Inhigo Ansotegi, responsábel de Organización da Mocidade Socialista Galega e membro da Xestora Nacional de Máis BNG. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Profesionalmente, é autónomo no sector agroindustrial vitivinícola en Valdeorras.

Raquel Gómez Otero, xornalista.

O qué queren cambiar de Galiza Nova?

    Galiza Nova segue pechada en si mesma e está nas antípodas da mocidade, por iso é incapaz de ser o seu referente político. Isto é resultado da súa desmobilización e non ser capaz de marcar unha axenda política propia, achegada às arelas xustas da mocidade galega. Tampouco foi unha caixa de resonancia no ámbito xuvenil da acción política do BNG, nos diversos ámbitos, parlamentos, concellos e Goberno. Moito menos foi quen de corresponsabilizarse da política xuvenil do Goberno bipartito.Apenas foi quen de completar simbolicamente as campañas programadas polo BNG.

    Esa Galiza Nova dividida, desnortada e desmobilizada é o que queremos deixar atrás.

Por qué é importante que a xente apoie a lista de Entre tod@s, Galiza Nova?

    A anterior asemblea nacional de Galiza Nova supuxo un punto de inflexión na historia da organización, que demonstrou ser desde aquela e para sempre moi plural. Algúns non o entenderon e saíron nos medios dicindo que o pluralismo en Galiza Nova era conxuntural e excluíron às opcións que obtiveran o 40% na anterior asemblea da Permanente Nacional.

    Agora, Galiza Nova atópase nunha encrucillada de bifurcación, ou se convirte na organización aberta, plural, operativa e combativa que a mocidade galega precisa e a base militante do nacionalismo político arela ou se converte nun pseudónimo dunha outra organización e demite coma instrumento ao servizo da mocidade galega.

    A nosa candidatura ten coma obxectivo que a organización faga esa reflexión colectiva e asuma a súa pluralidade, para a partires desa asunción, traballar conxuntamente, entre todos, resucitando a fraternidade e o compañeirismo, para ser o referente político da mocidade galega. Mocidade que, por certo, ansia novos referentes e bases político-ideolóxicas sobre as que repolitizarse.

Quen é Entre tod@s, Galiza Nova?

    Somos un grupo de xente, militantes novos do nacionalismo político, que conxugando ilusión e experiencia decidimos apresentar unha candidatura orientada a provocar unha catarse no nacionalismo político xuvenil.

    Así, a ilusión aportada polas persoas que acaban de comezar a súa vida política conxúgase con outras que teñen ou tiveron diversos cargos orgánicos en Galiza Nova ou no BNG, así coma tamén varios cargos públicos en diversos concellos.

Cal é o ponto forte do seu programa electoral?

    Apostamos pola actualización do nacionalismo xuvenil. Hai quen quere que o nacionalismo fique inerte, quen quere que se meta nun túnel do tempo cara ao pasado e estamos os que queremos que faga unha reflexión colectiva e programe a resposta acaída ao momento actual para saír à rúa, a botarse a corpo contra o reaccionarismo españolista que ostenta a Xunta. Saír à rúa a galeguizar galiza, a combater a inxustiza e a defender a liberdade.

    Galiza Nova ten que estar presente permanentemente na sociedade. Atopámonos perante unha ofensiva reaccionaria que debe de ser combatida a todos os níveis, desde logo, tamén no ámbito do discurso público, onde a carencia de referentes críticos de masas debe ser suplida co esforzo colectivo. Desde Entre tod@s, Galiza Nova non temos ningunha dúbida de que posuímos os valores máis acaídos, non temos ningunha dúbida de que desde a esquerda e o nacionalismo temos a resposta à desorientación e ao apoliticismo da mocidade galega.

De gañar que accións pretenden levar ao cabo?

    No que atinxe ao plano interno, revitalizar o asemblearismo de xeito inclusivo, introducindo na nosa cultura política organizativa a busca dos máximos consensos posíbeis no proceso de toma de decisións, dotar à Dirección Nacional de Galiza Nova da relevancia da que foi baleirada a dirección política do nacionalismo xuvenil, así coma reactivar as comisións sectoriais. No que atinxe ao plano externo, recuperar o pulso da sociedade e dar a batalla ideolóxica. Neste senso, cumpre imaxinación e audacia. A imaxinación e audacia que só poden darse cando as reflexións colectivas atopan un lugar no que frutificar, isto é, cando Galiza Nova revitalice os seus diversos organismos.

Qué previsión de resultados teñen?

    A asemblea é soberana e esperamos que sexa a que sexa a composición da vindeira dirección nacional, implique un cambio de rumo organizativo e a fin dunha xeira marcada pola monocromía.

Qué destacarias, ben sexa en positivo, coma negativo, das candidaturas rivais?

    Sen dúbida, ambas teñen o respaldo de moitos compañeiros e merecen o máximo respecto. A candidatura da Proposta Militante ten unha visión crítica do período interasemblear que agora finaliza que partillamos en grande parte e un desexo de reactivar socialmente a organización que compartimos. A candidatura de Alternativa Xuvenil pola Unidade está respaldada pola Unión da Mocidade Galega que é parte fulcral de Galiza Nova e apresenta no seu documento o desexo de que os órganos de dirección estean conformados de xeito plural, sen exclusións. Nunca é tarde de tomar as determinacións correctas.

Candidatura para a Dirección Nacional

A Plataforma “Entre tod@s, Galiza Nova”, presentou hoxe no Local de Galiza Nova a súa candidatura para a Dirección Nacional dentro do proceso da XI Asemblea. A lista encabézaa Inhigo Ansotegi Soares, e terá como número dous a Rocío Sampaio, de número tres a Paulo Carlos López (actualmente Secretario Xeral da Mocidade Socialista Galega), de número catro a Anxo Tallón e de numero cinco a Balbina Gándara Antelo.

Esta candidatura, formada por vintecinco titulares e vintecinco suplentes, é representativa de todo o país. Esta formada por militantes da Mocidade Socialista Galega, de Máis BNG e independentes. Destaca a presenza de cadros dirixentes de Galiza Nova durante este último período, tanto a nivel comarcal como a nivel nacional. Tamén unha forte presenza do asociacionismo cultural, de defensa da lingua, deportivo e estudantil, ademais de experiencia institucional con varios concelleiros e concelleiras.

“Entre tod@s, Galiza Nova” entende que hai que renovar o discurso do nacionalismo xuvenil, abrirse á sociedade e entender a súa problemática. Débese abrir unha nova liña política e práctica para sermos hexemónicos. Neste sentido e ante certas informacións en prensa, entendemos que, en contra do que pensan as outras dúas candidaturas, nin Cuba nin Iraq deben ser os nosos referentes. Respetamos a súa soberanía e as experiecias de xustiza social nalgún ámbito, mais entendemos, sendo fondamente antiimperialistas, a Galiza como nación europea, que ten como ideal as democracias avanzadas, por iso nas nosas emendas reivindicamos unha concepción democrática republicana que fuxa da idea da política como un mercado no que os cidadáns elixen entre os diversos produtos políticos‐partidos pagando co seu voto. Nós defendemos unha concepción de cidadanía máis activa e ampla, apostando pola incorporación de diversos mecanismos de democracia participativa no noso sistema políticoinstitucional.

  1. Inhigo Ansotegi Soares
  2. Rocio Sampaio David
  3. Paulo Carlos López López
  4. Anxo Sánchez Tallón
  5. Balbina Gándara Antelo
  6. Estevo Sánchez Gálvez
  7. Natalia Cancela Vázquez
  8. Miguel Rei Tarrío
  9. Brais Fernández Preto
  10. Jessica Fernández Polo
  11. Afonso Rodríguez Udias
  12. Silvia Muíño Naveira
  13. Paulo Martínez Lopez
  14. Sara Torreiro Rodríguez
  15. Pablo Belay Fernández
  16. David Álvarez López
  17. Cristina Santos Díaz
  18. Adrián Romay Lorenzo
  19. Iván Paz Taboada
  20. Paula Turnes Quintáns
  21. Roberto Pardal Coca
  22. Nieves Suárez Martínez
  23. Anxo Meizoso Permui
  24. Vitor Vicente Díaz
  25. Lorena Fernández Calvar


    Suplentes:

  1. Silvio Falcón Rodríguez
  2. Marcos Vázquez Trillo
  3. Brais Arias Rio
  4. María Menduíña Durán
  5. Pablo Tortajada Bermúdez
  6. Vanessa Vázquez Freire
  7. Borja Boado López
  8. Ana Barreiro Buján
  9. Alexandre Hermida González
  10. Rafael Traficante Fernández
  11. Lucía Domínguez Rodríguez
  12. Raúl Martínez Giraldez
  13. Vitor Manuel Giadás Sánchez
  14. Leticia Castro Torres
  15. Estevo Barcia Galego
  16. Alba Ferro Figueira
  17. Xerardo Díaz Casal
  18. Xoan Lois Valiño Rivas
  19. Uxía Araúxo Otero
  20. Máximo Sánchez Táboas
  21. Saleta Ameixeiras Rodríguez
  22. Cristina Miguez Álvarez
  23. Xurxo Gregorio Vaqueiro
  24. Elba Tenreiro Uzal
  25. Saúl Santim Dabranca

candidatura.pdf

Actualizando o nacionalismo galego xuvenil

Hoxendía pódese dar por finalizado o proceso urbanizador da Galiza, a maioría da poboación vive nas provincias costeiras con hábitos e vivencias urbanos ou rururbanos, dáse un cambio de valores xeracional cara o postmaterialismo, precisamente en sectores que se distinguen pola súa experiencia vital alonxada da sociedade tracional e a asunción do español coma língua normal de expresión falada[5], pois na escrita o español continúa a ser práticamente a única língua.

Tamén se pode dar por enterrado o tecido económico tradicional, a conxunción labrega e mariñeira da doutrina oficial do nacionalismo xa non explica a economía galega. A galega é unha economía fundamentalmente de servizos, cunha crecente relevancia do sector turístico[6]. En relación co entorno, a economía galega mantén un peso superior da agricultura, ora ben, cunha tendencia á  redución[7] como consecuencia do cambio dun modelo de produción de supervivencia cara un modelo orientado ao mercado, e das deficiencias dese cambio.

Politicamente, Galiza ten mudado de ser unha sociedade hexemonizada pola direita máis tradicional[8] ata ser unha sociedade cun sistema de partidos tripartito[9] estábel, no que o voto se reparte en dúas metades con unha certa tendencia cara à esquerda desde 2003 e un nacionalismo marxinal estabilizado en derredor dun 20%. A direita nútrese fundamentalmente dos mecanismos clientelares e do usufructo do poder para manter a súa hexemonía político-ideolóxica no conxunto do País e nomeadamente nas zonas mais rurais e menos modernizadas.

Todo o proceso de transformación derivou tamén, precisamente nestes eidos de hexemonía totalizadora da direita, nun despoboamento e un envellecimento da poboación das áreas rurais e interiores, ata o ponto que nas provincias de Lugo e Ourense o 40% da poboación vive das transferencias da Seguridade Social, existen mais xubilados do que nenos e a os activos soman un número inferior aos pensionistas. Asemade, milleiros de mozos e mozas emigran cada ano ao non encontrar traballo na Terra relacionado coas súas vivencias e formación. Son os restos da Galiza Tradicional que morre, e que marca, lastrando coma unha áncora, a Galiza Moderna que nasce.  Nesta Galiza evolucionada, a mocidade supón o 19% da poboación total, repartida do seguinte xeito: o 40,7% na provincia da Coruña, o 36,7% na de Pontevedra, o 11,6% na de Lugo e o 11% na de Ourense. Nas provincias interiores a meirande parte viven no rural (53,9% dos mozos e mozas de Lugo e o 49,9% das e dos de Ourense) mentres que nas costeiras o grupo maior é o da xente nova que vive en hábitat urbano (38% en Coruña e 40% en Pontevedra). O 55,69% da mocidade rural traballa, mentres que o 42,27% da urbana estuda. Apenas discuten de política cos seus proxenitores (só 15,4% o fai e ao 65,19% interésalle pouco ou nada), cos que conviven porque non poden vivir exclusivamente dos seus ingresos (o 72,74%), que adican maioritariamente a ir de bares e discotecas (49,88%) ou a ir de compras (22,15%).

Unha mocidade hedonista, precarizada, domesticada que, no entanto, identifícase máis coa esquerda (o 50,5% declara que é esquerda ou centro-esquerda, contra o 8,8% que se identifica co centro-direita e a direita) e é extremadamente consciente de que vive nunha sociedade na que as desigualdades son moi grandes (o 74,85%), é dicir, unha mocidade que ansia unha repolitización sobre outras chaves, pero que non atopa os referentes políticos e organizativos que poidan vivificar esa repolitización

É que se hai unha Galiza que xa non ten a ver coa Galiza que veu nascer o nacionalismo contemporáneo, non existe o nacionalismo que interprete e artelle as demandas políticas do País.

O nacionalismo político segue definindo relixiosamente a Galiza coma colonia española, sen estabelecer as consecuencias desta definición (na análise de clases, na estrutura das relacións económicas, na institucionalidade política, etc). Tamén se analisa a política en chave ideolóxica, de españolismo versus nacionalismo, estabelecendo que os non nacionalistas son maus galegos, ou galegos incompletos, tarados, cando supoñen o 80% da poboación. Curiosamente, os nacionalistas vivimos as nosas vidas con independencia das crenzas nacionalistas, que coma as relixiosas –se tivermos- gardamos para o ámbito privado e a procesión do 25 de Xullo. Xa abonda de fe. É preciso unha actualización da teoría nacionalista, e, como di o aserto, dado que non hai teoría sen prática, unha actualización do axir nacionalista.

Cómpre actualizar o nacionalismo galego e nese sentido, a Plataforma Entre tod@s, Galiza Nova propón novas iniciativas e temáticas nas súas emendas aos textos de base da Asemblea Nacional de Galiza Nova:

  • Respecto ao proceso de converxencia europeo, fronte ao discurso simplificador de alcumar à UE de instrumento imperialista e neoliberal, defendemos unha visión europeísta e en positivo, con ser crítica como se ve na nosa emenda:Porén, é evidente que o entramado xurídico-político e institucional actual da Unión Europea, non responde aos principios democráticos e sociais que debemos impulsar. O nacionalismo, Galiza Nova en particular, debe ser un actor europeo a favor da construción de novos piares de integración europea que completen e reformen a actual configuración institucional superando o défice democrático e a orientación economicista do proceso de converxencia europeo, evitando así que sexa unha oportunidade perdida para os pobos e fique como unha mera reordenación capitalista a nivel continental. Os novos piares deben ser a Europa dos Pobos, é dicir, a implicación das realidades nacionais non estatais nos procesos de toma de decisións comunitarios e a Europa Social, é dicir, a integración dos actores sociais nos procesos decisionais comunitarios e a creación de normas e institucións garantes do benestar social e a prestación de servizos públicos a nivel europeo. Co histórico espíritu europeísta do nacionalismo galego, xunto a tantos outros movementos progresistas e de esquerda, seguiremos a pular por outra Europa.
  • Respecto à cuestión da inmigración e a multiculturalidade, derivadas das grandes migracións povoacionais derivadas da inxusta globalización capitalista, defendemos o seu tratamento como cuestión específica, ata o de agora ignorada polo nacionalismo, e a relevancia do combate antirracista e antixenófobo no noso País, posto que a poboación de orixe foránea que reside na Terra multiplicouse por cinco nos últimos dez anos, superando xa en número à poboación total da capital do país, os concellos con maior percentaxe de poboación foránea son, asemade, eminentemente rurais (Padrenda, Entrimo, Lobios, Oimbra, Verín, A Gudiña, A Mezquita, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Negueira de Muñiz, Rábade e Burela) e culturalmente hexemonizados pola tradición. Así mesmo, só o 2,16% dos estranxeiros chegados ao Estado Español se instalaron na Galiza, sen embargo, o 35, 68% da mocidade pensa que hai demasiados estranxeiros e o 44,92% pensa que son moitos. Neste sentido, nós entendemos que: Debemos defender que Galiza é unha obra aberta a quen estea disposto a traballar nela. Así mesmo, a defensa do pluralismo social e a apertura ás novos formas de vida desde o respecto mutuo e a defensa dos dereitos humanos debe converterse nun sinal de identidade de Galiza Nova.
  • Respecto à crise enerxética do capitalismo e o previsíbel esgotamento dos recursos fósiles: Nestes momentos, a aproximación temporal ao pico do petróleo determina a aposta de Galiza Nova polas reformas estruturais que permitan asumir o impacto do encarecemento e desaparición deste recurso nunha economía coma a nosa que basea a súa provisión enerxética neste recurso finito, é dicir, a transformación dunha economía dependente do petróleo nunha economía sostíbel alimentada con enerxías renovábeis. Implica, tamén, unha mudanza do modelo de transporte priorizando a vertebración do País mediante unha rede de transporte público que interconecte as cidades mediante o tren de proximidade e especialice os aeroportos, convertendo os tres nun destino único internacional. Así mesmo, fronte ao perigo de privatización dos océanos, último territorio inexplotado polo capitalismo do noso planeta, defendemos a creación de organismos internacionais de control que garantan o interese común fronte ao negocio privado, para que se cumpra a vontade da terra que dá os seus froitos para todos.

  • Respecto à concepción da democracia en sentido republicano: A concepción republicana da política non só é mediación: ten un carácter tamén transformador, onde as comunidades toman consciencia da súa recíproca dependencia e configuran vontade e conciencia, transformándoas nunhas asociacións de cidadáns e cidadás libre e iguais, e inseridos nunha arquitectura onde a cidadanía toma un sentido pleno. As e os cidadáns pasan de ser suxeitos con dereitos subxectivos e con compoñente negativo, a ter un status de concepción positiva, nunha orde xurídica obxectiva que permite, á vez que garante, a integridade dunha convivencia baseada na igualdade, a autonomía e o respecto recíproco. Neste sentido, aparece a solidariedade como forza de integración social. Así, o espazo público e a sociedade civil cobran un sentido estratéxico. A concepción republicana incide na formación de opinión e vontade común nun espazo público, onde non se obedece a estruturas dos procesos de mercado, senón que ten que ter a súas propias estruturas específicas. O paradigma da política no sentido dunha práctica de autodeterminación cidadá non é o mercado, senón o diálogo.

  • Respecto à concepción do feminismo, rexeitamos que este sexa unha cuestión de mulleres e queremos definir unha nova estratexia: Estas actuacións e estes cuestionamentos do entendido como “normal”, chegan a evidenciar que o “masculino” e o “feminino” son elementos construídos socialmente e polo tanto suxeitos permanentemente á reinvención. O home vese obrigado a mudar as súas formas de relacionarse coa sociedade e ve como se cuestionan as súas calidades, esíxenselle outras pautas de comportamento. E é aí onde Galiza Nova debe incidir e actuar. Os mozos, “os seres humanos masculinos”, debemos comprometernos coa causa feminista e participar activamente na búsqueda do noso ser dentro desta cultura e desta socidade patriarcal que nos nega a posibilidade de ser como desexemos ser, e trata de impoñernos estereotipos e roles preestabelecidos. Hai que deconstruir se é preciso esa cultura e esa sociedade para formular unha aberta e plural que nos permita desenrolar a nosa vida en liberdade. Polo tanto, Galiza Nova asume o compromiso de traballar nesta liña para garantir a liberdade e a igualdade entre tódalas persoas.Neste sentido proponse:

    Trátase de crear unha rede de homes feministas dentro de Galiza Nova que formen a nosa militancia en canto a xénero e igualdade, que fagan as súas achegas e as súas reivindicacións feministas por medio da nosa organización e que apoien a faterna da Asemblea de Mulleres.

  • Respecto às novas tecnoloxías, defendemos a aplicación de varias iniciativas que modernicen a nosa organización adaptándoa a era internet. Así  propomos criar unha rede social interna: Así mesmo, a irrupción de internet e as súas potencialidades de comunicación multidirecional teñen implicacións nos usos e costumes diarios das persoas e, desde logo, tamén a súa correspondencia no ámbito das organizacións. Ao carón da estrutura formal e verticalizada das organizacións tense reforzado e multiplicado unha estrutura informal, paralela e non xerarquizada que soborda as tradicionais tertulias de café polo seu ámbito territorial, as súas potencialidades temáticas e as súas múltiplas aplicacións prácticas. Desde a mocidade nacionalista estamos dispostos a transformar a nosa estrutura organizativa adaptándoa a esta nova realidade. Para isto crearemos unha rede social para os/as membros da organización con obxecto de crear unha canle de comunicación interna vertical e horizontal na que se poidan transmitir informacións, facer debates, compartir experiencias, etc.. Non se poderá tomar ningunha determinación política vencellante neste eido, correspondendo en exclusiva aos órganos pertinentes da organización territorial que son os que garanten o dereito a participar na toma de decisións de toda a militancia.E de cara ao exterior:

    Galiza Nova creará unha rede de blogues nacionalistas, mediante a creación dunha plataforma de ‘voluntari@s cibernacionalistas’ nos que os/as filiados/as ou simpatizantes que somen os seus blogues persoais à expansión e divulgación dos valores, propostas e modelo de sociedade que todos e todas compartimos, abrindo un novo espazo de participación política e ampliando a permeabilidade da nosa organización nun outro ámbito de socialización política, como é internet.

Estas son, entroutras, as ideas que a Plataforma Entre tod@s, Galiza Nova defende introducir mediante emendas nos textos que o nacionalismo xuvenil está a elaborar nesta Asemblea Nacional de Galiza Nova: actualizar o discurso xuvenil para combatir exitosamente ao poder reacionario do Partido Popular.

Inhigo Ansotegi encabezará a candidatura da plataforma “Entre tod@s, Galiza Nova”

Inhigo Ansotegi encabezará a candidatura da plataforma

Entre tod@s, Galiza Nova

Rocío Sampaio e Paulo Carlos López, Secretario Xeral da MSG, ocupan o segundo e terceiro lugar

17 Outubro. Compostela

Inhigo

A Plataforma “Entre tod@s, Galiza Nova” para a XI Asemblea das xuventudes do BNG, composta pola Mocidade Socialista Galega, mozos de Máis BNG e independentes, terá a Inhigo Ansotegi como candidato á Secretaría Xeral.

Inhigo J. Ansotegi Soares (1982), é Responsábel de Organización da Mocidade Socialista Galega e membro da Xestora Nacional de Máis BNG. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, profesionalmente é autónomo no sector agroindustrial vitivinícola. Veciño do Roblido (A Rúa de Valdeorras), tivo varias responsabilidades orgánicas en Galiza Nova e no BNG local e comarcal, con experiencia no movemento estudantil e no asociacionismo xuvenil. Segundo Ansotegi, “Entre tod@s, Galiza Nova está formada por xente representativa de todo o país, con capacidade, ilusión e coa vontade de darlle un xiro de 180 graos a Galiza Nova para facela unha organización aberta, dinámica, combativa e con capacidade para aglutinar a toda a mocidade nacionalista e de esquerdas para facerlle unha oposición forte ao PP”.

A Plataforma nos medios

Para tod@s aqueles que desexedes descargar o noso Manifesto, perante os erros de descarga que está sufrindo o servidor da páxina, enviade un correo solicitándoo á dirección entretodosgalizanova@gmail.com e enviarémosvolo canto antes; ou ben premede na seguinte ligazón.

De seguido, velaquí vos deixamos unhas ligazóns sobre o eco que se fixeron os medios de comunicación da nosa presentación pública o pasado 26 de setembro.

A Plataforma en A Nosa Terra

A Plataforma en Vieiros

Entre Tod@s Galiza Nova no Xornal

Plataforma en La Voz

Entre Tod@s GZ Nova en Europa Press

Finalmente, para tod@s @s que desexedes participar connosco e/ou pedir información, tamén tendes á vosa disposición a nosa dirección de correo electrónico.

Entre tod@s, Galiza Nova!

Benvid@s ao blogue da Plataforma Entre Tod@s Galiza Nova.

Velaquí podedes baixar o noso Manifesto, onde atoparedes a nosa proposta ética e programática para Galiza Nova.

entretodos